15.9.15

Partido Popular, 30 anos traizoando aos gandeiros e gandeiras deste país


Fala vostede, señora conselleira, de problemas coxunturais e estruturais. O que non di é que os problemas coxunturais eran moi previsibles. E non é que o digamos agora a touro pasado, é que o dixemos aquí hai un ano. E non é que o dixesemos só aquí no Parlamento, é que os problemas que iamos ter nun contexto de final do sistema de cotas díxoos calquera persoa que soubese do tema. Entón, ante un problema previsible como é o final do sistema de cotas non se pode tardar dous meses en dar solucións; ou indicios de solución


Señora Conselleira, vostede non está do lado dos gandeiros. Non o demostraron nunca. Igual que non están de lado da sanidade pública, están do lado da Púnica. Señora Conselleira, o de estar de lado dos gandeiros hai que demostralo cos feitos e ao longo da historia e non con palabrería.


O 17 de xullo, o día da gran mobilización en Compostela que iniciou as mobilizacións dos gandeiros, cando xa levaban varios meses preparándose e cando vostede dicía que todo estaba ben, vostede asegurou na Televisión de Galicia que o problema “non era para tanto” e que “as mobilizacións non sirven”. Pero algunha industria está comezando a prometer subidas de prezos non é grazas ao seu labor, é grazas á mobilización dos gandeiros e grazas a que a sociedade galega apoiou e se solidarizou cos gandeiros. E sabe por que contou con apoio popular a mobilización dos gandeiros, que poden causar, evidentemente, molestias? Porque moitos dos traballadores e traballadoras deste país se sinten identificados cuns traballadores cuxo traballo de sol a sol non lles dá para vivir. Porque non é unha cuestión só do sector lácteo, é que cada vez a máis traballadores e traballadoras, aínda que teñan traballo, este non lles dá para vivir dignamente. Entón aí está unha sociedade que se mobiliza e que vostedes teñen que escoitar á forza. Se non se mobilzasen vostedes estarían no discurso no que estaban hai catro meses.


En Francia, mentres vostede dicía que non era para tanto, o goberno xa estaba sentado coa industria e a distribución, e o 24 de xullo fixo público un acordo. Hoxe estamos a 15 de setembro, dous meses señora Conselleira, e vostedes agora presumen dun acordo aínda non aceptado polo sector que se parece moito ao de Francia. Dous meses señora Conselleira.


Ollemos as “Recomendacións políticas do Comité das Rexións”, 30 de xullo de 2013. A ver que fixo vostede cando xa se sabía que ían acabar as cotas.


“Petición de realizar urxentemente estudos complementarios para evaluar as repercusións territoriais da supresión das cotas; petición de realizar unha valoración realista das perspectivas de produción, consumo interno e exportación a medio e longo prazo; petición de realizar un estudo de comparativa das políticas dos grandes países produtores así como unha evaluación precisa da involución suíza [que xa se liberalizara anos antes]; petición da evaluación do impacto das negociacións bilaterais en curso [e iso non significa vir aquí dicir cando o señor Feijóo vai a México que estivemos falando do leite, etc.]”


Fixeron algo disto, señora Conselleira?


“Petición de examinar as posibilidades de adaptar na Unión Europea medidas tomadas por outros estados para xestionar as posibles crises do leite.”


Fixeron algo disto? Nós non coñecemos nada. Non coñecemos ese Plan Estratéxico que vostede, unha vez iniciadas as mobilizacións, din que están dispostos a facer cos sindicatos. Despois de varios meses do final do sistema de cotas vostede está disposta a elaborar un Plan Estratéxico? E que dixeron antes, señora Conselleira? Polo tanto, menos palabrería e máis feitos.

Vostedes non están do lado dos gandeiros porque non é a primeira vez que deixan tirado este sector. Vostede esixe ao sector que se organice, que transforme os produtos, que traballe o I+D+i…, e vostedes, que fixeron? Vostedes cada vez que os labregos intentaron organizarse para crear complexos industriais propios boicotearon os seus intentos. Nos 90 con Leyma, no ano 2012 con Alimentos Lácteos. Que fixeron vostedes co intento de crear un grupo lácteo galego? Que fixeron vostedes con Alimentos Lácteos? Como vostedes non controlaban politicamente unha iniciativa das cooperativas nas que estaba Feiraco, vostedes torpedeárono e apoiaron a cinco cooperativas e puxeron á fronte a dous amiguetes do Partido Popular. Despilfarraron 8 millóns de euros e agora vostede lle vén esixir ao sector que se organice. E vostedes que fixeron?


O que pasa é que existen intereses contrapostos. E sempre que hai intereses contrapostos vostedes sempre rompen polo mismo lado.


Vostedes dixéronlle aos gandeiros e gandeiras deste país que apostasen polo modelo que, dicían, era o da modernización: o da produción intensiva, o de endebedarse para comprar cota, o de endebedarse para comprar tecnoloxía; vostedes apostaron por un modelo intensivo e non extensivo de aproveitamento das terras. Vostedes non fixeron os deberes na ordenación territorial nin no aumento da base territorial. Vostedes dixeron que había que ser eficientes e competitivos e os gandeiros fixeron os deberes. Os que non fixeron os deberes foron vostedes. E nós non cremos nese modelo para o noso país. Nós cremos que o modelo que vostedes defenden, ideoloxicamente, para este país, prexudica aos gandeiros deste país. O que vostedes chaman libre mercado, libre comercio, non é máis que darlle máis ferramentas aos Carrefour, aos Alcampo e aos Mercadona para que sexan eles os que deseñen as políticas agrarias dos países e para deixar cada vez máis desprotexidos aos gandeiros e gandeiras. Ou acaso non era previsible, nun escenario de desregulación, que baixasen os prezos, que houbese volatilidade dos prezos? Claro que era previsible! E vostedes dicían antes do final do sistema de cotas que era unha oportunidade para Galiza…, ou invento eu estas palabras señora Conselleira? Era unha oportunidade para os nosos gandeiros cando toda a xente que facían informes sobre o asunto dicía que aqueles países que non tivesen unha industria transformadora potente e que non tivesen base territorial competían en desvantaxe. E que fixeron vostedes para que os gandeiros e gandeiras galegas competisen en igualdade de condicións? Melloraron a base territorial das explotacións? Axudaron a ter unha industria de transformación? Axudaron a que houbese un complexo de I+D+i agrario neste país? Non. Vostedes desatenderon todo iso.


Onde estaba ese Plan Estratéxico? Non o había. Vostedes desatenderon os deberes máis básicos. Vostedes mandaron un documento do Programa de Desenvolvemento Rural que debe rexir para as políticas agrarias deste país de 2014 a 2020 -aínda non está aprobado- no que non constaba nin un só parágrafo sobre o impacto que tería o final do sistema de cotas para as pequenas e medianas explotacións.


Se agora comeza a verse algún movemento por parte da industria, do ministerio ou da Xunta de Galiza é porque os gandeiros levan case dous meses manifestándose e non “de festa”. E vostede sabe o que lle custa a unha persoa que ten unha explotación gandeira estar nas rúas co tractor. E vostede sabe o que custa estar polo día bloqueando as industrias e indo a muxir á casa e ter que tirar ese leite. Vostede sábeo. E sabe cal é a situación anímica destes gandeiros hoxe en día. E grazas a esas mobilizacións que vostede desprezou está comezando a moverse.


Agora hai un documento aprobado no ministerio que ademáis da cantinela que trae -tamén hai algunha cousa positivo nel, por suposto- non di nada novo. En teoría, o que vostede dixo aquí do equilibrio da cadea do leite e da transparencia nas relación comerciais xa se solucionara no acordo do señor Feijóo de novembro de 2012, xa se solucionara co Paquete Lácteo e xa se solucionara ca reforma do Paquete Lácteo. Entón, os gandeiros, e nós, estamos fartos de falsas promesas que nunca se cumpren. Polo tanto, o que van esixir os gandeiros son feitos e non palabras. E sabemos que os gandeiros, pola súa situación económica, anímica, etc., están desexando voltar á súa vida normal e que necesitan vender o leite… pero tamén quero darlle un humilde consello aos gandeiros: que non baixen a garda, que non se fíen de vostedes porque vostedes non son de fiar. Non se pode baixar a garda. Que os gandeiros e a sociedade sexan poder democrático exercente. Porque a sociedade apreza o valor que fan os gandeiros no noso rural e porque hai moita xente doutros sectores que sabemos que vostedes nos levan a un modelo de explotación dos traballadores. Hai moita xente nesta loita e os gandeiros non están sós. E non nos podemos fiar dun goberno que leva 30 anos traizoando aos gandeiros e ás gandeiras.


Intervención no pleno do Parlamento galego o día 15 de setembro na comparecencia da Conselleira de Medio Rural.


a

No hay comentarios:

Publicar un comentario