3.11.15

Crónicas do Hórreo (outubro, 2015)



A seguir infórmovos dalgunhas das iniciativas e propostas que fixemos ao longo deste mes de outubro nese lugar onde non crece a herba (ata que plantemos novas sementes) chamado Parlamento Galego.

A raíz da hipócrita declaración de Tony Blair pedindo perdón pola guerra de Iraq, fixemos unha interpelación preguntando á Xunta de Galicia pola súa opinión ao respecto e instando á Xunta a que demande ao presidente do goberno español, Mariano Rajoy, a que tamén pida desculpas, tendo en conta que, naquela altura, el era minsitro de Presidencia do goberno Aznar.

Preguntamos polos motivos da suba do soldo do presidente da Xunta nun momento no que o groso da maioría social está a ver os seus soldos conxelados ou reducidos e no que outros cargos públicos, como por exemplo os gobernos das Mareas, están a reducir os seus soldos. 

Preguntamos pola opinión da Xunta de Galicia a respecto da fenda económica existente entre o noso país e o conxunto do Estado español a teor de diversos iformes económicos recentes. Preguntamos polas medidas que pensa tomar a Xunta ante esta fenda, como estima que pode afectar este diferencial ao crecemento económico na nosa terra, á taxa de desemprego no noso país e ao problema demográfico galego.  

Fixemos unha pregunta e una interpelación sobre a opinión da Xunta a respecto do decreto eléctrico do Ministro Soria que penaliza o autoconsumo de enerxías limpas, sobre as consecuencias que pode acarrexar este decreto no noso país e sobre o impacto ecolóxico que terá dito decreto en Galiza. 

Preguntamos e interpelamos pola valoración da Xunta de Galicia sobre os datos que eviencian a grave crise demográfica do noso país e que medidas concretas pensa tomar para atallar o devalo. Así mesmo, preguntamos pola valoración da Xunta do feito de que malia continuar diminuíndo a poboación, as cifras de desemprego continúen sendo tan elevadas. 


Fixemos unha proposición non de lei para establecer normativamente, para os proxectos de construción de grandes infrastructuras, a obriga de realizar un estudo custe-beneficio que teña en conta o custe de oportunidade, a loita contra o cambio climático, a redución do consumo enerxético e a sostenibilidade económica para as arcas públicas. 

Preguntamos pola valoración da Xunta a respecto dos graves datos sobre desafiuzamentos en Galiza reflectidos no informe emitido polo Consello General del Poder Judicial e polas medidas que ten pensado levar a cabo o goberno para erradicar ditos atropelos. 

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda elaboramos 40 propostas de resolución do debate do estado da nación que podes consultar aquí.


Fixemos unha proposición non de lei que estableza unha moratoria á instalación de novos centros comerciais como apoio ao pequeno comercio local. 

 Fixemos unha PNL a propósito dunha sentenza europea na que se ordea eliminar as cláusulas solo das hipotecas reingresar o cobrado con retroactividade pedindo á Xunta que esixa ao Goberno do Estado que elabore as modificacións lexislativas necesarias que anulen todas as cláusulas solo en contratos de préstamos con ganatía hipotecaria e que esixa deixar de aplicalas nos contratos nos que xa constan e que se proceda á devolución das cantidades indebidamente cobradas. Así mesmo, pedimos que a Xunta esixa ao goberno do estado que o banco de España adopte un papel proactivo e efectivo, incluíndo as modificacións normativas necesarias, na defensa dos consumidores con cláusulas solo abusivas, con efectos retroactivos na súa totalidade, e que desenvolva un plan de inspeccións ás entidades de crédito que as utilicen. 

Fixemos una PNL partindo das iniciativas do Comité de Defensa do Monte Galego propondo cambios na composición do Consello Forestal Galego, a elaboración dun plan estratéxico de xestión do monte, aumentar os medios técnicos, humanos e económicos na Fiscalía contra incendios, medidas contra o abandono do rural, transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios, ordenación dos cultivos agrarios e forestais e movilización produtiva de terras, plans de restauración de zonas afectadas por incendios, transversalidade nas Consellerías na conservación do patrimonio natural, monte e educación etc.

30.9.15

AP9: un saqueo ao pobo consentido pola Xunta de Galiza

Que non haxa ninguén que teña que responder polas privatizacións da AP9 nin pola prórroga da concesión fala moito das institucións e das leis que temos. Por iso nós dicimos que as institucións non son iguais para todos. Cando falamos de ruptura e de nacionalismo non nos referimos a abstraccións

Un saqueo sen responsables ante a xustiza

A da AP9 é a historia dun auténtico saqueo. Xa falamos no seu momento sobre como se puido xustificar a privatización dunha infraestrutura cuxa xestión non é en absoluto complicada, sobre como se xustifica a socialización das perdas que cando hai que rescatala e como, despois de ser rescatada, sobre como foi privatizada, vendida a Sacyr Vallehermoso por 900 millóns de euros quen, despois de poucos anos, vendeu, á súa vez, sen facer un só investimento e tirando plusvalías millonarias

Privatización e prórroga da concesión

Nunha infraestrutura que se privatiza por 900 millóns de euros e que de 2011-2048 se van cobrar 9500 millóns de euros en peaxes, os investimentos previstos para eses mesmos anos son de 148 millóns de euros e os gastos financeiros 1600 millóns de euros. Estes datos evidencian un escándalo permitido por decisión concretas do Partido Popular cando no 2003 vendeu a AP9 e cando no 2010 prorrogou a concesión ata o 2048.

Dúas das tres austoestradas do estado español de 75 anos nas que se cobran peaxe están en Galiza.
Desde a súa privatización as peaxes encareceron un 60%. Unha porcentaxe que duplica o IPC durante ese período.

Nos últimos 7 anos Audasa acadou uns beneficios de 400 millóns de euros. De 2008 a 2012 os socios repartíronse dividendos por 243 millóns de euro.

Benefícios escandalosos, práctica monopolística

Nunha situación con racionalidade económica, nun sector con prezos regulados as peaxes deberían servir para cubrir os custes de explotación, amortizar o investimento e, mesmo, segundo a lóxica que prevalece nas sociedades capitalistas establecer una marxe de beneficio para a empresa que retribúa a achega de capital dos accionistas. Pero en Audasa, aproveitándose do seu monopolio, e da complicidade dos gobernos, a rendibilidade do capital non é normal. Non está dentro dos límites do razoable. Non se move nas marxes das empresas en situación de competencia.

Ano tras ano a rendibilidade sobre ventas supera o 50%, una cifra extraordinariamente elevada que non está ao alcance de prácticamente ninguna empresa que actúe en mercados abertos á competencia.
É disparatada a rendibilidade do capital investido, o capital social de Audasa son 196 millóns de euros e alcanza ano tras ano una rendibilidade media do 30%.

Se comparamos os beneficios antes de impostos acumulados desde 2006 co capital social acádase unha rendibilidade acumulada do 290%. Os accionistas gañaron o triple nestes anos do que achegaron á sociedade

O maior investimento: reducir gastos de explotación despedindo persoal

En poucos anos, a autoestrada do Atlántico pasou de 156 km aos 219, aumentou un 28% os km, pero os ingresos pasaron de 47 millóns de euros a 119, subiron un 156%. Unha situación de abuso de poder, de monopolio, que indigna aínda máis cando se comproba que ese beneficios non foron para mellorar a autoestrada. O maior investimento que fai Audasa é automatizar o cobro e despedir á xente, reducindo os gastos de explotación todos os anos polo despido de persoal.

O mesmo sucede coa eliminación de peaxes. Unha garantía para a empresa cobrar dos cartos de todos os galegos e galegas a través da Xunta.

Os datos evidencian un atraco que contou coa permisividade de alguén.

Concedéndolle a Audasa unha marxe folgada de beneficio do 10% sobre o capital social todos os anos, as peaxes poderían reducirse entre un 30 e un 35%.

Isto é un saqueo consentido. Un beneficio garantido con risco 0

Unha autoestrada que non sae de territorio galego debe ser xestionada polo goberno galego

A AP9 é una autoestrada que transcorre íntegramente por territorio galego, que une 4 das ciudades máis importantes de Galiza, que atravesala custa máis de 40 euros, que é decisiva para a economía de Galiza, das familias, das empreass, do transporte, pero que é secundaria para o global da economía do Estado, cae de caixón que a Xunta de Galiza ten que asumir a xestión desta infraestrutura.

O resto é venderse a intereses alleos. Alleos a Galiza e alleos á xente traballadora do noso país.

22.9.15

O negocio de Alcoa e as industrias de enclave

Compre que as urxencias e os debates apresurados non nos aparten dunha liña política que cuestione o sistema e o réxime corrupto do Estado español nos últimos 30 anos.

E digo que unha cousa é defender os dereitos dos traballadores e traballadoras de Alcoa e outra ben diferente é non cuestionar un gran negocio dunha multinacional americana e das eléctricas, coa complicidade do Goberno español, e á nosa costa, pagado a través da factura da luz.

Os traballadores como anzol

Coma no caso de Ence, a utilización dos traballadores como anzol para que a esquerda se entreteña coa árbore en lugar de ver o bosque, debe ser abordada sen rodeos -deixando claro, iso si, que na nosa oposición a este tipo de empresas cremos necesaria unha saída digna para os seus traballadores- e sen esquecer que colocando nunha balanza o emprego directo que crean estas empresas e o emprego que destrúen ou que impiden crear por abocarnos a determinados modelos de explotación económica, a nosa posición a respecto da situación destes traballadores é adecuada.

E digo máis, fronte a utilización por parte da empresa dos postos de traballo como elemento extorsionador para seguir lucrándose e a tentación de ceder á chantaxe sen modificar a cuestión de fondo, o mellor camiño para os traballadores de Alcoa, e para todos e todas as traballadoras, é denunciar claramente o gran saqueo que significou a operación Alcoa-Inespal, que busca nos paises onde se establece electricidade asequible, permisividade ambiental e man de obra barata.

É suficiente a información.

Historia dunha privatización

Inespal era unha empresa pública con 12 centros de traballo que en 1998, durante o goberno Aznar, e despois de 2 anos de beneficios, privatizouse vendéndose por 410 millóns de euros á multinacional americana Alcoa.

Pero descontáronselle 200 millóns para o pago de débedas anteriores -xeradas fundamentalmente polos procesos de investimento e modernización - e outros 100 máis tras unha serie de reclamacións.
Ademais, conseguiu un prezo especial para a electricidade durante quince anos. Estes 15 anos remataron en 2013, ano a partir do cal, ante as amenazas da empresa de pechar, o Estado outorga unha subvención á factura eléctrica a través do pago polo "servizo de interrumpibilidade", para que estas fábricas paren no caso en que sexa necesario por un exceso de demanda eléctrica. Un servizo que non semella moi necesario nun país cunha evidente sobrecapacidade de producción eléctrica.

Aínda así as chamadas empresas electrointensivas levan anualmente entre 500 e 600 millóns dos euros que se pagan na factura de electricidade por todos e todas as consumidoras, como parte dun recibo no que pesan moito todos este tipo de prebendas outorgadas ás eléctricas.

Naquel contrato de compra, Alcoa comprometiase a investir 390 millones de euros nos dez primeiros anos, incrementar a súa actividade, desenvolver novos produtos e manter o emprego.
Como poderedes imaxinar, nada de nada.

Ademáis, unha gran parte das reservas de carbón galego esgotáronse para servir a Alcoa e é unha das industrias que máis emisións contaminantes produce en Galiza.Colocáronse dúas térmicas, soportamos os seus impactos no país, os ríos cheos de minicentrais, os montes cheos de muiños de vento, e a cambio, que obtemos? Pagamos a luz ao mesmo prezo que calquera no Estado español, e se poñemos impostos autonómicos para compensar os impactos, segundo a nova lexislación, poderíasenos sumar á factura.

Non debe de quedar fóra deste asunto tamén a vergoñenta privatización do sistema eléctrico executada por Aznar, apoiada por PP e PSOE, que deixou de ser un servizo público para ser un negocio controlado por moi poucas mans.

Eléctricas subvecionadas, consumidores paganinis

Así, Alcoa contenta, pois cos beneficios pagados polas arcas públicas investiu fóra, e contenta seguirá mentres se lle garantan as prebendas. O mesmo que as elétricas, que en vez de ter que competir para ofrecer un prezo competitivo, cobran a prezo de consumidor a unha industria que en Galiza chegou a supoñer ate o 40 % do consumo eléctrico.

Os damnificados, os consumidores, que son os paganinis, e uns traballadores sobre os que pesa a espada de Damocles. Porén, os parches non valen. O que valen son só as solucións que rematen co expolio. Non confundamos os intereses de Alcoa cos das clases populares de Galiza.

15.9.15

Partido Popular, 30 anos traizoando aos gandeiros e gandeiras deste país


Fala vostede, señora conselleira, de problemas coxunturais e estruturais. O que non di é que os problemas coxunturais eran moi previsibles. E non é que o digamos agora a touro pasado, é que o dixemos aquí hai un ano. E non é que o dixesemos só aquí no Parlamento, é que os problemas que iamos ter nun contexto de final do sistema de cotas díxoos calquera persoa que soubese do tema. Entón, ante un problema previsible como é o final do sistema de cotas non se pode tardar dous meses en dar solucións; ou indicios de solución


Señora Conselleira, vostede non está do lado dos gandeiros. Non o demostraron nunca. Igual que non están de lado da sanidade pública, están do lado da Púnica. Señora Conselleira, o de estar de lado dos gandeiros hai que demostralo cos feitos e ao longo da historia e non con palabrería.


O 17 de xullo, o día da gran mobilización en Compostela que iniciou as mobilizacións dos gandeiros, cando xa levaban varios meses preparándose e cando vostede dicía que todo estaba ben, vostede asegurou na Televisión de Galicia que o problema “non era para tanto” e que “as mobilizacións non sirven”. Pero algunha industria está comezando a prometer subidas de prezos non é grazas ao seu labor, é grazas á mobilización dos gandeiros e grazas a que a sociedade galega apoiou e se solidarizou cos gandeiros. E sabe por que contou con apoio popular a mobilización dos gandeiros, que poden causar, evidentemente, molestias? Porque moitos dos traballadores e traballadoras deste país se sinten identificados cuns traballadores cuxo traballo de sol a sol non lles dá para vivir. Porque non é unha cuestión só do sector lácteo, é que cada vez a máis traballadores e traballadoras, aínda que teñan traballo, este non lles dá para vivir dignamente. Entón aí está unha sociedade que se mobiliza e que vostedes teñen que escoitar á forza. Se non se mobilzasen vostedes estarían no discurso no que estaban hai catro meses.


En Francia, mentres vostede dicía que non era para tanto, o goberno xa estaba sentado coa industria e a distribución, e o 24 de xullo fixo público un acordo. Hoxe estamos a 15 de setembro, dous meses señora Conselleira, e vostedes agora presumen dun acordo aínda non aceptado polo sector que se parece moito ao de Francia. Dous meses señora Conselleira.


Ollemos as “Recomendacións políticas do Comité das Rexións”, 30 de xullo de 2013. A ver que fixo vostede cando xa se sabía que ían acabar as cotas.


“Petición de realizar urxentemente estudos complementarios para evaluar as repercusións territoriais da supresión das cotas; petición de realizar unha valoración realista das perspectivas de produción, consumo interno e exportación a medio e longo prazo; petición de realizar un estudo de comparativa das políticas dos grandes países produtores así como unha evaluación precisa da involución suíza [que xa se liberalizara anos antes]; petición da evaluación do impacto das negociacións bilaterais en curso [e iso non significa vir aquí dicir cando o señor Feijóo vai a México que estivemos falando do leite, etc.]”


Fixeron algo disto, señora Conselleira?


“Petición de examinar as posibilidades de adaptar na Unión Europea medidas tomadas por outros estados para xestionar as posibles crises do leite.”


Fixeron algo disto? Nós non coñecemos nada. Non coñecemos ese Plan Estratéxico que vostede, unha vez iniciadas as mobilizacións, din que están dispostos a facer cos sindicatos. Despois de varios meses do final do sistema de cotas vostede está disposta a elaborar un Plan Estratéxico? E que dixeron antes, señora Conselleira? Polo tanto, menos palabrería e máis feitos.

Vostedes non están do lado dos gandeiros porque non é a primeira vez que deixan tirado este sector. Vostede esixe ao sector que se organice, que transforme os produtos, que traballe o I+D+i…, e vostedes, que fixeron? Vostedes cada vez que os labregos intentaron organizarse para crear complexos industriais propios boicotearon os seus intentos. Nos 90 con Leyma, no ano 2012 con Alimentos Lácteos. Que fixeron vostedes co intento de crear un grupo lácteo galego? Que fixeron vostedes con Alimentos Lácteos? Como vostedes non controlaban politicamente unha iniciativa das cooperativas nas que estaba Feiraco, vostedes torpedeárono e apoiaron a cinco cooperativas e puxeron á fronte a dous amiguetes do Partido Popular. Despilfarraron 8 millóns de euros e agora vostede lle vén esixir ao sector que se organice. E vostedes que fixeron?


O que pasa é que existen intereses contrapostos. E sempre que hai intereses contrapostos vostedes sempre rompen polo mismo lado.


Vostedes dixéronlle aos gandeiros e gandeiras deste país que apostasen polo modelo que, dicían, era o da modernización: o da produción intensiva, o de endebedarse para comprar cota, o de endebedarse para comprar tecnoloxía; vostedes apostaron por un modelo intensivo e non extensivo de aproveitamento das terras. Vostedes non fixeron os deberes na ordenación territorial nin no aumento da base territorial. Vostedes dixeron que había que ser eficientes e competitivos e os gandeiros fixeron os deberes. Os que non fixeron os deberes foron vostedes. E nós non cremos nese modelo para o noso país. Nós cremos que o modelo que vostedes defenden, ideoloxicamente, para este país, prexudica aos gandeiros deste país. O que vostedes chaman libre mercado, libre comercio, non é máis que darlle máis ferramentas aos Carrefour, aos Alcampo e aos Mercadona para que sexan eles os que deseñen as políticas agrarias dos países e para deixar cada vez máis desprotexidos aos gandeiros e gandeiras. Ou acaso non era previsible, nun escenario de desregulación, que baixasen os prezos, que houbese volatilidade dos prezos? Claro que era previsible! E vostedes dicían antes do final do sistema de cotas que era unha oportunidade para Galiza…, ou invento eu estas palabras señora Conselleira? Era unha oportunidade para os nosos gandeiros cando toda a xente que facían informes sobre o asunto dicía que aqueles países que non tivesen unha industria transformadora potente e que non tivesen base territorial competían en desvantaxe. E que fixeron vostedes para que os gandeiros e gandeiras galegas competisen en igualdade de condicións? Melloraron a base territorial das explotacións? Axudaron a ter unha industria de transformación? Axudaron a que houbese un complexo de I+D+i agrario neste país? Non. Vostedes desatenderon todo iso.


Onde estaba ese Plan Estratéxico? Non o había. Vostedes desatenderon os deberes máis básicos. Vostedes mandaron un documento do Programa de Desenvolvemento Rural que debe rexir para as políticas agrarias deste país de 2014 a 2020 -aínda non está aprobado- no que non constaba nin un só parágrafo sobre o impacto que tería o final do sistema de cotas para as pequenas e medianas explotacións.


Se agora comeza a verse algún movemento por parte da industria, do ministerio ou da Xunta de Galiza é porque os gandeiros levan case dous meses manifestándose e non “de festa”. E vostede sabe o que lle custa a unha persoa que ten unha explotación gandeira estar nas rúas co tractor. E vostede sabe o que custa estar polo día bloqueando as industrias e indo a muxir á casa e ter que tirar ese leite. Vostede sábeo. E sabe cal é a situación anímica destes gandeiros hoxe en día. E grazas a esas mobilizacións que vostede desprezou está comezando a moverse.


Agora hai un documento aprobado no ministerio que ademáis da cantinela que trae -tamén hai algunha cousa positivo nel, por suposto- non di nada novo. En teoría, o que vostede dixo aquí do equilibrio da cadea do leite e da transparencia nas relación comerciais xa se solucionara no acordo do señor Feijóo de novembro de 2012, xa se solucionara co Paquete Lácteo e xa se solucionara ca reforma do Paquete Lácteo. Entón, os gandeiros, e nós, estamos fartos de falsas promesas que nunca se cumpren. Polo tanto, o que van esixir os gandeiros son feitos e non palabras. E sabemos que os gandeiros, pola súa situación económica, anímica, etc., están desexando voltar á súa vida normal e que necesitan vender o leite… pero tamén quero darlle un humilde consello aos gandeiros: que non baixen a garda, que non se fíen de vostedes porque vostedes non son de fiar. Non se pode baixar a garda. Que os gandeiros e a sociedade sexan poder democrático exercente. Porque a sociedade apreza o valor que fan os gandeiros no noso rural e porque hai moita xente doutros sectores que sabemos que vostedes nos levan a un modelo de explotación dos traballadores. Hai moita xente nesta loita e os gandeiros non están sós. E non nos podemos fiar dun goberno que leva 30 anos traizoando aos gandeiros e ás gandeiras.


Intervención no pleno do Parlamento galego o día 15 de setembro na comparecencia da Conselleira de Medio Rural.


a

7.9.15

Crónicas do Hórreo

 


Tres cousas, entre todo o que fixen esta semana pasada no Parlamento, que seguro que vos resultan de interese:


1. Rexistramos unha proposta non de lei para que Galiza sexa terra de acollida e para que a Xunta de Galiza inste ao goberno español a acoller máis refuxiados sirios dos que propón a Comisión Europea* pois, segundo esa proposta, a Galiza, por poboacion, tocaríalle acoller 707 persoas. Cantidade máis que asumible polo noso país. Así mesmo, propuxemos unha declaración solemne do Parlamento Galego en solidariedade cos refuxiados.
 

2. Na Comisión nº3 de Economía, Facenda e Orzamentos, na que preguntabamos polas acción que tiña pensado levar a cabo a Xunta a raíz dos datos que aparecen na Memoria de 2014 sobre a situación económica e social de Galiza feita polo Consello Económico Social de Galiza (que preside Corina Porro, non Ho Chi Minh), decubrimos que a Xunta non vai facer nada ao respecto porque, na súa lectura do informe, Galiza vai ben, malia que a Memoria do CES deixa meridianamente claro que, atendendo aos indicadores económicos e sociais, a suposta recuperación do PP non é máis que unha estratexia propagandística para as eleccións cos pés de barro.

E se tedes tempo ollade vós mesmos: 

http://www.ces-galicia.org/sites/default/files/docs/memoriasoc/G14-consideracions.pdf


3. Comprobamos, pola negativa do Partido Popular a volver abrir a comisión sobre as Caixas de aforro, tal como lle solicitamos na mesma Comisión nº3, que este partido non ten ningún interese en furar neste turbio tema e que segue a ser un caso de esvaecemento no espazo-tempo debido a causas paranormais. Fúrtase información vital para que a cidadanía entenda quen foi quen nunha das maiores estafas recentes do noso país.

*A CE, con posterioridade a esta PNL nosa, pide ao E. Español que acolla uns 12.000 refuxiados, polo que os correspondentes a Galiza xa non corresponden coa cantidade que aquí damos.
 

26.8.15

O leite, o rural e o libre mercado


Asistimos cunha mestura de amargura e esperanza á vaga de mobilizacións en defensa do sector lácteo. Amargura, por comprobar que como país non somos/fumos quen de artellarnos politicamente para asegurar o presente e o futuro dos nosos sectores produtivos, por comprobar que o goberno da Xunta non ten vontade nin capacidade política para reverter a situación de envellecemento e abandono do noso rural. 

As solucións que require o leite son de urxencia para evitar o peche de explotacións nun momento conxuntural, pero non deberíamos deixar de lado a análise profunda das causas políticas que nos levan á desertización do rural, ao subdesenvolvemento doutros sectores agrarios, ao noso déficit en produción alimentaria, á especialización de Galiza na produción agraria de materias primas de baixo valor e pouco xeradoras de emprego.

De fondo subxace que as políticas que se levan a cabo son o froito de abrazar o neoliberalismo como única solución. 

Porque a continua desregulación ou como eufemisticamente se chama “liberalización” non provoca maior liberdade dos gandeiros nin da pequena industria para operar, nin oportunidades, como se cansou de repetir o PP e incluso forzas de esquerda, senón que é un paso máis para que as grandes empresas o gran capital sexan os que verdadeiramente deseñen o noso futuro como país. 

Contábame un dos progresistas que non cuestionan o neoliberalismo que unha das cuestións que estaban a axudar na crise era que determinada empresa de distribución quería concentrar a produción do seu leite en Aragón, cunha macroexplotación onde concentrar os seus insumos baixo a coñecida fórmula da integración vertical. E qué esperaba logo?A lóxica monopolística do capitalismo é clara. Estas empresas deciden, tiran plusvalías, pero non asumen os custes das consecuencias ambientais e sociais que si son asumidas polos orzamentos públicos. 

Nas negociacións da nova Política Agraria Común que marcará os destinos do rural en Europa nos vindeiros anos, nin o goberno da Xunta, nin populares, nin a socialdemocracia cuestionaron a liña desrregulatoria como camiño a seguir. E as consecuencias son evidentes. 

Deixar a produción alimentaria dun país en mans do chamado mercado, que na alimentación significa que decidan as multinacionais, será seguir camiñando cara o deserto rural. 

Precisase política pública. Precísase protección e apoio. Xusto o contrario do que se leva facendo nos últimos anos. 

Non hai política pública industrial, de ordenación do territorio e de mobilidade de terras máis alá das publicacións no DOG, e progresivamente se desmantela o sistema público de investigación e extensión agraria e forestal.

Sen unha política pública ao servizo do pobo e potente non será posible desenvolver sectores agrarios hoxe subdesenvolvidos pero con potencial para así facilitar a incorporación de xente moza ao agro e ao rural.

Que se saiba que defendemos as medidas de urxencia para salvar as explotacións pero que se saiba tamén que dentro do modelo de política agraria escollida o que estamos a vivir non é un fallo puntual do sistema senón que será tónica xeral e periódica do sistema.

Porque xa que se fala tanto de soberanía, temos que decidir quen ordena o país, quen decide como producimos, como nos alimentamos ou de onde veñen os alimentos. Ou o deciden os poderes públicos como representación do sentir popular (ben sei que isto é unha quimera) ou o deciden ENCE, Mercadona etc.

A falla de políticas eficaces contra a desertización e perda de peso do rural, non se produce fundamentalmente pola ineptitude dos dirixentes do PP senón polo desenvolvemento dun modelo de concentración económica e poboacional no eixo atlántico de Galiza e dun amplo espazo fornecedor de recursos, madeira, enerxía, alimentos baratos no resto do país.

Ao PP interésalle o que vemos porque defende os intereses dos que queren campo libre para explotalo.

E fronte a isto, o reto ademais de solucionar o inmediato é formular unha alternativa, real e realista, pero alternativa. Para hoxe e non partindo de modelos idealizados e contando co que nunca se contou nas políticas do rural, feitas sempre con visión urbanita, senón co coñecemento e opinión da xente que vive no rural e do rural.

Un Comisión de Estudo para o futuro do rural no Parlamento Galego

Por iso, e a risco de que nos tilden de inxenuos, AGE vén de propoñer no Parlamento Galego unha Comisión de Estudo para o futuro do rural e os sectores produtivos onde participen organizacións e persoas que poidan achegar á construción desa alternativa necesaria se de verdade queremos mudar o estado das cousas.


Para o leite, para a horta, para o monte, para o patrimonio, para as infraestruturas, para a enerxía, para os servizos sociais, para a loita contra o cambio climático...