7.9.15

Crónicas do Hórreo

 


Tres cousas, entre todo o que fixen esta semana pasada no Parlamento, que seguro que vos resultan de interese:


1. Rexistramos unha proposta non de lei para que Galiza sexa terra de acollida e para que a Xunta de Galiza inste ao goberno español a acoller máis refuxiados sirios dos que propón a Comisión Europea* pois, segundo esa proposta, a Galiza, por poboacion, tocaríalle acoller 707 persoas. Cantidade máis que asumible polo noso país. Así mesmo, propuxemos unha declaración solemne do Parlamento Galego en solidariedade cos refuxiados.
 

2. Na Comisión nº3 de Economía, Facenda e Orzamentos, na que preguntabamos polas acción que tiña pensado levar a cabo a Xunta a raíz dos datos que aparecen na Memoria de 2014 sobre a situación económica e social de Galiza feita polo Consello Económico Social de Galiza (que preside Corina Porro, non Ho Chi Minh), decubrimos que a Xunta non vai facer nada ao respecto porque, na súa lectura do informe, Galiza vai ben, malia que a Memoria do CES deixa meridianamente claro que, atendendo aos indicadores económicos e sociais, a suposta recuperación do PP non é máis que unha estratexia propagandística para as eleccións cos pés de barro.

E se tedes tempo ollade vós mesmos: 

http://www.ces-galicia.org/sites/default/files/docs/memoriasoc/G14-consideracions.pdf


3. Comprobamos, pola negativa do Partido Popular a volver abrir a comisión sobre as Caixas de aforro, tal como lle solicitamos na mesma Comisión nº3, que este partido non ten ningún interese en furar neste turbio tema e que segue a ser un caso de esvaecemento no espazo-tempo debido a causas paranormais. Fúrtase información vital para que a cidadanía entenda quen foi quen nunha das maiores estafas recentes do noso país.

*A CE, con posterioridade a esta PNL nosa, pide ao E. Español que acolla uns 12.000 refuxiados, polo que os correspondentes a Galiza xa non corresponden coa cantidade que aquí damos.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario