3.11.15

Crónicas do Hórreo (outubro, 2015)



A seguir infórmovos dalgunhas das iniciativas e propostas que fixemos ao longo deste mes de outubro nese lugar onde non crece a herba (ata que plantemos novas sementes) chamado Parlamento Galego.

A raíz da hipócrita declaración de Tony Blair pedindo perdón pola guerra de Iraq, fixemos unha interpelación preguntando á Xunta de Galicia pola súa opinión ao respecto e instando á Xunta a que demande ao presidente do goberno español, Mariano Rajoy, a que tamén pida desculpas, tendo en conta que, naquela altura, el era minsitro de Presidencia do goberno Aznar.

Preguntamos polos motivos da suba do soldo do presidente da Xunta nun momento no que o groso da maioría social está a ver os seus soldos conxelados ou reducidos e no que outros cargos públicos, como por exemplo os gobernos das Mareas, están a reducir os seus soldos. 

Preguntamos pola opinión da Xunta de Galicia a respecto da fenda económica existente entre o noso país e o conxunto do Estado español a teor de diversos iformes económicos recentes. Preguntamos polas medidas que pensa tomar a Xunta ante esta fenda, como estima que pode afectar este diferencial ao crecemento económico na nosa terra, á taxa de desemprego no noso país e ao problema demográfico galego.  

Fixemos unha pregunta e una interpelación sobre a opinión da Xunta a respecto do decreto eléctrico do Ministro Soria que penaliza o autoconsumo de enerxías limpas, sobre as consecuencias que pode acarrexar este decreto no noso país e sobre o impacto ecolóxico que terá dito decreto en Galiza. 

Preguntamos e interpelamos pola valoración da Xunta de Galicia sobre os datos que eviencian a grave crise demográfica do noso país e que medidas concretas pensa tomar para atallar o devalo. Así mesmo, preguntamos pola valoración da Xunta do feito de que malia continuar diminuíndo a poboación, as cifras de desemprego continúen sendo tan elevadas. 


Fixemos unha proposición non de lei para establecer normativamente, para os proxectos de construción de grandes infrastructuras, a obriga de realizar un estudo custe-beneficio que teña en conta o custe de oportunidade, a loita contra o cambio climático, a redución do consumo enerxético e a sostenibilidade económica para as arcas públicas. 

Preguntamos pola valoración da Xunta a respecto dos graves datos sobre desafiuzamentos en Galiza reflectidos no informe emitido polo Consello General del Poder Judicial e polas medidas que ten pensado levar a cabo o goberno para erradicar ditos atropelos. 

O grupo de Alternativa Galega de Esquerda elaboramos 40 propostas de resolución do debate do estado da nación que podes consultar aquí.


Fixemos unha proposición non de lei que estableza unha moratoria á instalación de novos centros comerciais como apoio ao pequeno comercio local. 

 Fixemos unha PNL a propósito dunha sentenza europea na que se ordea eliminar as cláusulas solo das hipotecas reingresar o cobrado con retroactividade pedindo á Xunta que esixa ao Goberno do Estado que elabore as modificacións lexislativas necesarias que anulen todas as cláusulas solo en contratos de préstamos con ganatía hipotecaria e que esixa deixar de aplicalas nos contratos nos que xa constan e que se proceda á devolución das cantidades indebidamente cobradas. Así mesmo, pedimos que a Xunta esixa ao goberno do estado que o banco de España adopte un papel proactivo e efectivo, incluíndo as modificacións normativas necesarias, na defensa dos consumidores con cláusulas solo abusivas, con efectos retroactivos na súa totalidade, e que desenvolva un plan de inspeccións ás entidades de crédito que as utilicen. 

Fixemos una PNL partindo das iniciativas do Comité de Defensa do Monte Galego propondo cambios na composición do Consello Forestal Galego, a elaboración dun plan estratéxico de xestión do monte, aumentar os medios técnicos, humanos e económicos na Fiscalía contra incendios, medidas contra o abandono do rural, transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios, ordenación dos cultivos agrarios e forestais e movilización produtiva de terras, plans de restauración de zonas afectadas por incendios, transversalidade nas Consellerías na conservación do patrimonio natural, monte e educación etc.