26.8.15

Solucións para os gandeiros e gandeiras do sector lácteo

As mobilizacións sirven 

Señora conselleira, de algo sirven as mobilizacións, sirven para que vostede e o seu goberno se enteren de que hai un problema no sector leiteiro galego. Para iso se fan as mobilizacións, para chamar a atención cando os cauces normais non funcionan.


15.000 gandeiros e gandeiras estiveron nas rúas de Compostela, máis de 2000 en Santa Comba o outro día, para que vostede se entere de que hai un problema.

Non sei se pensa vostede que esa xente sae a rúa por hobby. Tampouco sei se vostede sabe o que custa xestionar unha explotación leiteira e vivir dignamente dela. Non sei se vostede sabe o que esa xente traballa, se prepara e se esforza. E non sei se pensa vostede que as manifestación as fan para pasalo ben. Para iren de festa.

Pero vostede, o mesmo día que saíron á rúa 15.000 gandeiros, e non só gandeiros -tamén persoas que son conscientes de que si se vén abaixo o sector lácteo, se pechan máis explotacións, o medio rural en Galiza desaparece-. E non sei se se dá de conta de que ese mesmo día vostede dixo que a situación non era para tanto, que non era tan grave.

Incluso, hai 15 días escasos, vostede dixo que era peor a do 2012. Hoxe xa nos enteramos por que era peor a do 2012: porque os custos dos insumos eran máis caros no 2012. Claro, era unha cuestión que dependía da Xunta de Galiza naquel momento, e agora xa, grazas ás xestión do señor Feijóo, baixou o petróleo e por iso agora estamos nunha mellor situación. Pero é que, ademáis, que lle soluciona a un gandeiro que sexa mellor ou peor a do 2012?

Cobrar por baixo dos custes de produción
  
O que si importa é que hai un 30% das explotacións que está cobrando prezos que non chegan, nin de lonxe, a cubrir os custes de produción. E xa hai moitos meses que o vimos denunciando. Xa hai moitos meses que vostede respondeu cunha mestura de falta de sensibilidade, de empatía, de respecto polos propios gandeiros e gandeiras, de respecto polo país, dun xeito inconmensurable.

Falta de modelo, falta de goberno

Vostedes non son recén chegados aquí. Sabe que resume perfectamente o que sempre vimos dicindo, que o que falla aquí é a política e os gobernos do Partido Popular que levan gobernando este país 28 de 34 anos? Sabe o que resume iso? Que a mesma explotación que aquí está en perigo de pechar, noutro país non o está. Esa é a diferenza. Nun país onde se fixeron políticas de ordenación do territorio, onde se fixeron políticas de fomento da industria e non se utilizaron as Caixas para facer urbanizacións no Mediterráneo, nun país onde se fixera un marco normativo, e un marco de organización da cadea eficiente para que non se producirán abusos, as mesmas explotacións, cos mesmos recursos, coas mesmas capacidades, terían gandeiros e gandeiras que poderían vivir sen problemas, e aquí poden pechar.

Aquí non están perigo de pechar explotacións que non sexan competitivas, non están en perigo de pechar explotacións porque non fixeran os deberes os gandeiros, aquí están en perigo de pechar explotacións porque vostedes non fixeron os deberes que tiñan que facer. 

E hoxe saímos de aquí máis preocupados aínda, porque vostede compareceu aquí, disque para dar solución aos gandeiros. Hoxe. Porque a necesitan de hoxe para mañá. Pero vostede o que veu a dicir aquí é un vademécum de todo o que fai a Consellería, e o que fai calquera Consellería. É dicir: subvencións para isto, subvencións para o outro… Pero non nos dixo as tres ou catro solucións que teñen pensadas para xa, para sacar o sector desta situación límite. Porque aínda que vostede o negue, hai explotacións que están nunha situación límite.
 

E é normal, porque vostedes son un goberno ausente. Non hai goberno. Vostedes son unha mala delegación do goberno do Estado.

A importancia do sector primario en Galiza

Saben vostede que no lácteo, o sector primario en Galiza representa un 1,26% do PIB e no Estado español, menos de 10 veces menos, o 0,15%. Acaso poden ser as mesmas as axendas do goberno do Estado cando o sector pesa o 0,15% e a do goberno dun país cuxo sector primario pesa o 1,26%? Dun país que é a novena rexión produtora de Europa? Pois non é só que sexa a mesma, senón que vostedes fan de delegación do goberno do Estado. 

É que vostedes non viviron nin un só momento de tensión co goberno do Estado, de tensión política coa Unión Europea para defender modelos contrarios aos que está aplicando a Unión Europea e que están a prexudicar a nosa agricultura. Ningún. Sumisión total. Vostedes nin siquera anunciaron aquí cales eran os obxectivos de Galiza para a negociación da PAC, Política Agraria Común, que fixou unha desregulación aínda maior do mercado. 

Libre mercado para só para os de abaixo

Ese libre mercado que tanto defenden vostedes. Non hai libre mercado, hai maior liberdade das distribuídoras para seguir abusando dos sectores primarios. Que liberdade ten hoxe en día un gandeiro galego no noso país? A liberdade de asinar, se ten sorte, que lle veña unha persoa recoller o leite nas condicións que lle poñan e no prezo que lle poñan. Esa é a liberdade que ten.

A única liberade que ten que é saír á rúa e berrar para que vostedes se enteren, e vostedes tamén lla queren negar. E vostede aínda di: “Se servise para algo eu poríame á fronte”. Ningúen a necesita á fronte dunha manifestación señora conselleira. Debería estar vostede á fronte dun goberno que merecese tal nome e vostede non o está.

Os recortes do PP en I+D+i

As súas manifestacións durante estes meses son un auténtico espectáculo. Vostede dixo en Lugo que moita da crise do lácteo tiña que ver coa debilidade das políticas de I+D+i. E vostede non ten nada que ver? Vostede quere que lle volva repetir o que están facendo vostedes co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, máis ca recortar? Máis ca tratar de sospeitosos a aqueles que queren facer ben o seu traballo? Vostede recortou do 2012 para o 2013 o 36% do persoal deste centro, o 46% do persoal investigador, poñendo en risco moitos recursos que poderían vir de Europa e do Estado porque non hai suficientes investigadores. Vostede di que a culpa é de que non hai I+D+i como se vostedes acabaran de chegar aquí.

Falta de goberno e crise demográfica

En definitiva, xa llo dixen, vostedes non fan os deberes. Nin o problema da terra, nin o problema da industria nin o marco normativo. Porque vostedes non tiveron nunca un proxecto para o rural deste país que non fose diferente ao que estamos a ver que é o desmantelamento, o abandono e a desertización do rural. Hai pouco dicía a conselleira de Traballo, tamén coma se fose unha desgraza divina, que Galiza podía perder nos próximos 30 ou 40 anos un millón de habitantes. Evidentemente está perdendo 15.000, 17.000… todos os anos perdemos unha enorme cantidade de habitantes. Acaso non ten nada que ver esa perda de habitantes ca falla de capacidade ou de vontade do seu goberno de ter políticas eficientes para os sectores produtivos? É que estes anos de crise a xente non buscou refuxio nas actividades agrarias ou gandeiras? E aínda así destruíuse emprego no rural, emprego agrario. Mentres, noutras  Comunidades Autónomas que están ao lado medraban as axudas á incorporación e multiplicaban incluso ás que había aquí neste país. 

Mala negociación da PAC

Vostedes prefiren facer electoralismo e non política. Por iso, cando van a un proceso importante para este país, nunca expoñen os obxectivos a acadar, porque aí se exponen ás críticas se non se acadan eses obxectivos. Fixeron o mesmo coa PAC. E venderon coma un logro manter o status quo anterior, cando este consistía en recibir o 3% das axudas cando Galiza significa o 6% da produción agraria final.

Plan Estratéxico para o lácteo

Ademais, vostedes non fixeron o máis mínimo exercicio de planificación e de previsión. Vostedes deitáronse á bartola. Vostede acaba de anunciar que está disposta a facer coas organizacións agrarias un plan estratéxico. En agosto de 2015. Cando o 1 de abril de 2015 rematou o sistema de cotas. Onde estaba o plan estratéxico do final do sistema de cotas? Porque calquera persoa que soubese o que significaba un escenario sen cotas e con liberalización do mercado sabía que a base territorial é fundamental e que os países que non a teñen contan cun hándicap. Galiza compite en desvantaxe con outros países de Europa. Quen non teña unha industria transformadora potente ten un hándicap. Galiza conta con ese hándicap. E outro hándicap que cita calquera experto é a ausencia dun marco normativo que equilibre a cadea do leite. Galiza tampouco contaba con iso. En todo o que se lle pode atribuír a un goberno, vostedes fallaron. E só  pode vir aquí a dicir que Galiza conta cunhas condicións climatolóxicas moi boas para a produción de leite. Igual que Brasil e Arxentina teñen unhas grandes condicións para producir soia, o cal non significa que iso incremente o benestar da poboación de Arxentina e Brasil, senón que significa o enriquecemento de industrias foráneas.

Señora conselleira, hai que facer política e vostede non veu aquí a facer política. Vostede veu aquí forzada por unha situación e, como sempre o seu goberno, actuando a curto prazo de xeito electoralista, propagandista, pero sen solucións.

E é normal que tamén tarden en reaccionar e empecen tres meses despois do final do sistema de cotas a tomar medidas, porque mover algo que está moi enferruxado e ao que non están acostumados, que é a traballar seriamente, custa moito. 

Modelo francés

Dar subvencións de xeito ordinario non é intervir políticamente. Política sería facer algo parecido ao que fixeron en Francia. Sentar a todas as partes do sector e poñelas de acordo. Vostede cita as leis da competencia. Quere dicir que vostedes non teñen ningún tipo de capacidade de influencia sobre as autoridades que regulan a lei de competencia? Porque tamén lle digo, unha lei da competencia e unhas autoridades que permiten que existan abusos como os que se dán no sector leiteiro non me valen. Se, por un lado, a distribución está continuamente utilizando o leite como produto reclamo e vendendo a perdas e neste país non se lle puxo nin un só euro de sanción á distribución e, por outro lado, sabemos que a industria está facendo diariamente prácticas de abuso sobre os gandeiros e non pasa nada, aquí, ou fallan as leis ou fallan as autoridades da competencia.

No plan estratéxico tamén tiñan que indicar que recursos van poñer para mobilizar terra para que as explotacións dependan menos da compra de insumos e, polo tanto, dependan menos da volatilidade dos insumos no mercado. Non dixo nada diso. E a proba de que non teñen nada preparado é que tiveron que desviar a atención con tempos pasados, gobernos anteriores… 

Herdanza recibida? 

O PP leva décadas na Xunta de Galiza

Pero vostedes como Partido Popular de Galiza non poden falar de herdanza recibida. Aquí os únicos anos que non houbo goberno do PP do foron 6. E vostede quere facer responsable a eses 6 anos do que non se fixo no resto dos 30? Vostedes tiveron tempo suficiente para implantar un modelo de rural e un modelo de sector lácteo, e iso é o que temos. É polo que vostedes apostaron. Un rural envellecido, un rural cun abandono evidente e un rural sen expectativas de futuro. Iso é o que vostedes deixaron.



Resposta á Conselleira de Medio Rural na súa comparecencia sobre o sector lácteo do 4 de agosto no Parlamento Galego.





No hay comentarios:

Publicar un comentario