6.8.15

Nova lei de estradas de Galiza

Unha lei de estradas ao servizo das construtoras

Rubau, FCC, OHL, Sacyr, Copasa, Asignia, Sando, Nexo, Aldesa…

Que teñen en común estas empresas? Dedícanse a construír infraestruturas, son donantes do PP e facían parte da comisión de infraestruturas do PP, comisión creada na que tamén estaba o señor Lapuerta e o tesoureiro Bárcenas.

O PP di que non sabía que Bárcenas estaba desviando millóns e millóns a contas de Suíza, non sabemos se o PP tamén descoñecía que os empresarios que se benefician dos contratos de infraestruturas, ademáis deseñaban as políticas de infraestruturas do PP.

Todas as empresas nomeadas foron adxudicadas, entre os anos 2001 e 2012, con contratos por valor de 12.000 millóns de euros por gobernos do Partido Popular.

Para o negocio das construtoras hai cartos, para outros servizos non

Sempre hai cartos para as construtoras.

Entre 2008-2012 máis de 1500 millóns de euros anuais tanto nos orzamentos estatais coma da Xunta foron destinados a infraestruturas. Nos anos seguintes nunca baixaron de 1000 millóns de euros anuais mentres se recortaba en servizos esenciais para a poboación.

A Conselleira de sanidade declarou recentemente que o sistema sanitario galego non é sostible economicamente, tamén, en datas recentes, púxose en dúbida a sostibilidade do sistema educativo universitario galego. Sanidade, educación son o tipo de investimentos que non interesan ao PP.

O PP prefire continuar co vello modelo produtivo que interesa ás construtoras.

O PP só saca a calculadora da sostibilidade para os servizos esenciais como poidan ser as escolas, servizos de correos ou médicos no rural, pero esquecen todo tipo de cálculo cando se trata de construír infraestruturas inútiles, infraestruturas que non conectan os portos, que non teñen en conta a intermodalidade. Cando se trata de desbaldir cartos para dar negocio a determinadas empresas, o PP refúxiase no carácter “técnico” da lei de estradas.

Escatímase en I+D+i, sanidade ou ensino, séguense a despilfarrar en autoestradas como se foramos ricos.

Administración, construtoras e corrupción

Detrás de estes máis de 1000 millóns de euros anuais que se dedican a infraestruturas está a corrupción. Corrupción que paga e financia ao PP.

Unha nova lei chapuceira

Esta nova lei de estradas vén lavar a cara á chapuza que representaba a anterior lei de estradas, impulsada polo inefable Agustín Hernández, e aprobada hai só ano medio. Na presente lei, o PP incorpora moitas das enmendas que a oposición fixera e que daquela, o partido do goberno, desprezara.

Taxas por circular

O máis grave desta lei é que abre a porta á introducción de taxas nas estradas hoxe gratuítas.

Nula protección ambiental, nula racionalización

A Lei de estradas non introduce ningunha novidade na racionalización do investimento en infraestruturas, na protección ambiental e no que ten que ver co cambio climático, no consumo enerxético, no coidado da paisaxe o na seguridade viaria.

Séguese apostando polo despilfarro e a irracionalidade en infraestruturas, apóstase por darlle negocio a empresas do sector obviando o tan cacarexado cambio de modelo produtivo.

Nulo caso ás recomendacións da Comisión Europea, dos técnicos e dos economistas. O importante, o negocio dos amigos

Ata a Comisión Europea pasa pola esquerda ao PPdG. Segundo o Informe para a estabilidade económica do Reino de España de finais de 2012, a Comisión Europea di:

“En España xa se abordou en gran medida o tradicional déficit de infraestruturas de transporte. A ampla rede de autopistas, liñas ferroviarias de alta velocidade, aeroportos, portos resultante, tamén implica uns elevados custes de mantemento e un alto nivel de servizo da débeda e de pagamento dos servizos de asociacións público-privadas. Ao mesmo tempo, a rede adoece de ausencia de interconexións interoperables con outros estados membros e unha escasa integración entre os modos de transporte: portos e ferrocarriles, instalacións aeroportuarias e liñas ferroviarias de alta velocidade, plataformas multimodales, corredores ferroviarios. Por iso, é esencial a realización dunha análise custe/beneficio transparente para cada un dos proxectos de infraestruturas. O Reino de España deberá limitar o seu investimento en infraestruturas aos proxectos para os que exista unha verdadeira demanda e que sexan asequibles tendo en conta os altos custes de oportunidade dos fondos públicos.”

Segundo o Foro económico de Galicia propón un estudo de custo/beneficio para as infraestruturas de máis de 5 millóns de euros de orzamentos.

Tampouco esta recomendación dos economistas se ten en conta.

Os datos de Galiza a respecto das infraestruturas viarias. Máis kms/habitante de Europa, por que continuar construíndo autoestradas?

Galiza ten uns datos de autoestrada por km2 dos máis altos de Europa, moi próximos a Alemaña. Moitos máis kms por habitante que Alemaña e que calquera outro país de Europa. Estamos á cabeza en investimento nunhas infraestruturas cuxa xeración de riqueza nunca foi probado con ningún dato pero que son un bo negocio para as empresas construtoras.

O liberalismo para os demais, para as construtoras papá Estado ao rescate. O pobo paga a ronda

O caso da AP9.  En 1984 pasa a formar parte da Empresa Nacional de Autopistas, que é rescatada con diñeiro público cando estaba en quebra. En 1993, cando estaba saneada foi vendida, por un Consello de Ministros cuxo 80% de ministros están hoxe imputados, por 1900 millóns de euros a Sacyr-Vallehermoso. Por problemas nas súas contas Sacyr-Vallehermoso, cinco anos despois, sen gastar un euro en cemento, revende por 7900 millóns de euros ao Citigroup.

A xestión privada da AP9 fai que suban as peaxes e pase a ser a autoestrada máis cara do Estado.

Agora, sobre esta AP9, o PP anuncia 11 obras cun orzamento de 312 millóns de euros, entre as que está a ampliación de Rande; é dicir, os galegos e as galegas pagaremos estas reforma dunha infraestrutura privada.

Ao tempo, o PP anuncia a construcción dunha autoestrada “gratuíta” (malia que a imos pagar todos) paralela á autoestrada AP9, facendo así competencia a unha AP9 que está a perder usuarios malia que os números de previsión de usuarios son sistemáticamente inflados polos sucesivos gobernos. En todo caso, non pasa nada, posto que se a AP9 vai mal será rescatada con cartos públicos. Naturalmente, esta autoestrada tamén fará competencia ao eixo atlántico de tren.






2 de agosto, Pleno do Parlamento de Galiza, debate sobre a nova Lei de estradas de Galiza.






No hay comentarios:

Publicar un comentario