3.11.15

Crónicas do Hórreo (outubro, 2015)



A seguir infórmovos dalgunhas das iniciativas e propostas que fixemos ao longo deste mes de outubro nese lugar onde non crece a herba (ata que plantemos novas sementes) chamado Parlamento Galego.

• A raíz da hipócrita declaración de Tony Blair pedindo perdón pola guerra de Iraq, fixemos unha interpelación preguntando á Xunta de Galicia pola súa opinión ao respecto e instando á Xunta a que demande ao presidente do goberno español, Mariano Rajoy, a que tamén pida desculpas, tendo en conta que, naquela altura, el era minsitro de Presidencia do goberno Aznar.

• Preguntamos polos motivos da suba do soldo do presidente da Xunta nun momento no que o groso da maioría social está a ver os seus soldos conxelados ou reducidos e no que outros cargos públicos, como por exemplo os gobernos das Mareas, están a reducir os seus soldos. 

• Preguntamos pola opinión da Xunta de Galicia a respecto da fenda económica existente entre o noso país e o conxunto do Estado español a teor de diversos iformes económicos recentes. Preguntamos polas medidas que pensa tomar a Xunta ante esta fenda, como estima que pode afectar este diferencial ao crecemento económico na nosa terra, á taxa de desemprego no noso país e ao problema demográfico galego.  

• Fixemos unha pregunta e una interpelación sobre a opinión da Xunta a respecto do decreto eléctrico do Ministro Soria que penaliza o autoconsumo de enerxías limpas, sobre as consecuencias que pode acarrexar este decreto no noso país e sobre o impacto ecolóxico que terá dito decreto en Galiza. 

• Preguntamos e interpelamos pola valoración da Xunta de Galicia sobre os datos que eviencian a grave crise demográfica do noso país e que medidas concretas pensa tomar para atallar o devalo. Así mesmo, preguntamos pola valoración da Xunta do feito de que malia continuar diminuíndo a poboación, as cifras de desemprego continúen sendo tan elevadas. 


• Fixemos unha proposición non de lei para establecer normativamente, para os proxectos de construción de grandes infrastructuras, a obriga de realizar un estudo custe-beneficio que teña en conta o custe de oportunidade, a loita contra o cambio climático, a redución do consumo enerxético e a sostenibilidade económica para as arcas públicas. 

• Preguntamos pola valoración da Xunta a respecto dos graves datos sobre desafiuzamentos en Galiza reflectidos no informe emitido polo Consello General del Poder Judicial e polas medidas que ten pensado levar a cabo o goberno para erradicar ditos atropelos. 

• O grupo de Alternativa Galega de Esquerda elaboramos 40 propostas de resolución do debate do estado da nación que podes consultar aquí.


• Fixemos unha proposición non de lei que estableza unha moratoria á instalación de novos centros comerciais como apoio ao pequeno comercio local. 

 • Fixemos unha PNL a propósito dunha sentenza europea na que se ordea eliminar as cláusulas solo das hipotecas reingresar o cobrado con retroactividade pedindo á Xunta que esixa ao Goberno do Estado que elabore as modificacións lexislativas necesarias que anulen todas as cláusulas solo en contratos de préstamos con ganatía hipotecaria e que esixa deixar de aplicalas nos contratos nos que xa constan e que se proceda á devolución das cantidades indebidamente cobradas. Así mesmo, pedimos que a Xunta esixa ao goberno do estado que o banco de España adopte un papel proactivo e efectivo, incluíndo as modificacións normativas necesarias, na defensa dos consumidores con cláusulas solo abusivas, con efectos retroactivos na súa totalidade, e que desenvolva un plan de inspeccións ás entidades de crédito que as utilicen. 

• Fixemos una PNL partindo das iniciativas do Comité de Defensa do Monte Galego propondo cambios na composición do Consello Forestal Galego, a elaboración dun plan estratéxico de xestión do monte, aumentar os medios técnicos, humanos e económicos na Fiscalía contra incendios, medidas contra o abandono do rural, transparencia e rapidez no acceso á información sobre incendios, ordenación dos cultivos agrarios e forestais e movilización produtiva de terras, plans de restauración de zonas afectadas por incendios, transversalidade nas Consellerías na conservación do patrimonio natural, monte e educación etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario